Sunday 12 de May de 2024

A Concellería de Xuventude organiza un Obradoiro Artístico de Decoración de Cabazas


Perante a proximidade da festa do Samaín, a Concellería de Xuventude do Concello de Fene, en colaboración coa Concellería de Cultura e Ensino, organiza para o vindeiro venres 23 de outubro un Obradoiro Artístico de Decoración Tradicional de Cabazas. A actividade, dirixida a un público maior de 6 anos (os nenos/as de 6 a 11 anos deberán estar acompañados dunha persoa adulta) desenvolverase nas instalacións do CCRD de Perlío, en horario de 17 a 19 horas.

Neste obradoiro, os/as participantes poderán decorar as súas cabazas de Samaín ao estilo clásico, para os máis tradicionais, ou se prefiren innovar, tamén terán a posibilidade de crear os seus propios deseños e facer das súas cabazas pezas escultóricas únicas e orixinais. Ao final do obradoiro, os que queiran, poderán levar para a casa as súas cabazas.

Segundo informa a Concellería de Xuventude, a organización facilitará aos/ás participantes todo o material necesario para o desenvolvemento deste taller, que será dirixido pola empresa Laudas Calamity, Laboratorio de Creación Artística (Fene).

Para participar nesta actividade, será preciso cubrir a ficha de inscrición que se pode descargar na web municipal www.fenecidadan.gal e enviala ao correo electrónico omix@fenecidadan.net antes do vindeiro 21 de outubro ás 15.00 horas. O número de prazas é limitado (15 prazas).